Sobre a especie
Coñecemos esta especie xeralmente coma chinche do amorodo. A cor cebrada das súas antenas a distingue da chinche mediterránea, Carpocoris Mediterraneus.
Aliméntanse da savia dos talos e tamén dos froitos, o que a converte nunha eterna inimiga dos agricultores e por iso está considerada coma unha praga.
Non lles gusta nada o frío e a pesares de que os adultos viven entre uns catro e seis meses de media, cando baixan as temperaturas hibernan en lugares coma fendas entre paredes ou rochas, cortizas das árbores ou mesmamente baixo as pedras ata que as temperaturas volven subir.
Con todo, non sofren de grandes problemas á hora de perpetuar a especie xa que no seu período vital poden chegar facer entre cinco e sete postas cuns trinta ovos en cada unha.
Actualmente as podemos atopar en Europa, Asia e o Norte de África, en lugares onde abunden as hortas, xardíns e bosques pertos da auga onde atopan arbustos frutais.
Sinten atracción por froitas coma o amorodo e cando atacan unha plantación destinada ao consumo humano a deixan totalmente inservíbel pois fica o seu cuspe na froita en cantidades considerábeis imprimíndolles un sabor moi desagradábel.
Coma mecanismo de defensa segrega unha toxina bastante cheirenta que contén substancias químicas perigosas, coma por exemplo o cianuro e por elo resulta tan importante non comer froita sen antes tela lavado ben, nunca sabemos o que podemos levarmos á boca.
Unha sesión cunha modelo excepcional
Para a sesión fotográfica usei o meu lente de focal máis longa en Micro Catro Terzos, no meu caso o 40-150mm que ten unha distancia mínima de enfoque de noventa centímetros que puiden reducir grazas a un par de tubos de extensión de dez e dezaseis milímetros.
Cando me atopei con este exemplar o sol estaba situado nunha posición tan alta e o ceo tan despexado que non precisei máis apoio para iluminar, nin sequera modificadores ou rebotadores. As exposicións as fixen a man alzada, sen axuda de trípode. Así e todo, gústame moito expoñer deste xeito cando se trata de fauna porque síntome con maior liberdade de movementos, moito máis cómodo.
Ver ao insecto con esa cor vermella e unha zona de follas tan verdes dicíame que o resultado ía ser bastante agradábel e só tiña que agardar a que se colocase nunha posición onde sacarlle proveito a ese contraste tonal entre o fondo e o suxeito que ademais saturábase moito por mor da luz natural que lle incidía dese xeito tan cenital.
Foron unhas fotografías das que teño que admitir que síntome bastante satisfeito polo feito de seres de baixo coste, con equipo de entrada, a miña querida Olympus OM-D EM-10 Mk III e un lente de kit, porque non precisas facer inversións astronómicas para probar e tentar quitar fotografías de aproximación. Ningunha das miñas imaxes, ata a data desta publicación, foron feitas con equipo especializado para fotomacrografía.

Pódeche interesar:

Back to Top