O sapo común
Coñecido tamén coma sapo europeo e cuxo nome científico é Bufo Bufo é un dos anfibios máis comúns aínda que difícil de ver e menos aínda se non o andas a buscar pois acostuma permanecer oculto durante o día saíndo ao pórse o sol cando precisa cazar para alimentarse, xeralmente de invertebrados.
É bastante lento e torpe, o que facilita a súa observación e por suposto, fotografalo. Cando trata de moverse de xeito máis apresurado faino mediante pequenos saltiños.
Non é tonto e sabe cando está a ser vixiado, pero aínda que o susto ante a túa presenza non llo vai quitar ninguén, coma ante calquera ameaza, permanecerá quedo tratando de mimetizarse co terreo e agardando a que por casualidade non tiveras reparado nel, moi atento a túa reacción. Se consegues relaxalo e que non se sinta en perigo, lentamente levarate cara o seu refuxio que normalmente consistirá nun oco aberto por el mesmo no propio terreo.
A min encántame saír a fotografar pola noite porque cada son amplifícase e serve moitas veces para curar prexuízos e medos infundados.
Protagonista de contos e lendas
É un ser vivo que na nosa cultura sufreu sempre coa estigmatización de estar relacionado coa bruxería e co Demo, así que non podemos presumir os seres humanos de telo tratado dun xeito nin cando menos aceptábel e será por iso que sentín moita empatía por el desde o mesmo intre no que notei a súa presenza.
Non che son animais moi voluminosos, os machos soen alcanzar coma moito aos oito centímetros mentres que as femias poden chegar  aos trece ou quince centímetros. Imaxinade, homes do mundo, que fósemos sapos: a día de hoxe estarían a chamarnos machinazis por loitar en favor dos nosos dereitos... non vos parecería algo absurdo?
O sapo é o protagonista de moitos dos nosos contos infantís pero acontécelle un pouco coma ao lobo, non son moitas as historias que o deixan en bo lugar.
Na procura de Bufonidae
Se vos son sincero, o encontro co noso pequeno amigo foi bastante casual pois non estaba á procura da especie e moito menos facendo fauna cando tiven a sorte de cruzarme no seu camiño.
Estaba a fotografar un faro na metada de noite e durante unha desas longas exposicións escoitei un ruído ao me redor. Acendín a lanterna do meu móbil con moito tino para non estragar a toma que estaba a facer e busquei ata atopar a orixe daquel son, e así foi coma o sorprendín.
Non podo chegar a imaxinar o susto que levou cando de socato o seu mundo nocturno enchíase de claridade, a suficiente coma para causarlle unha inmerecida molestia.
Así que como a miña cámara principal estaba expoñendo sobre un trípode, o teléfono móbil volveu ser o meu mellor aliado e grazas a que confío tanto nestes pequenos sensores puiden ter a miña instantánea mentres o noso amigo Bufo voltaba á seguridade do seu fogar.
Teño que admitir que este tipo de encontros, lonxe de molestarme, encántanme. Sempre trato de ser moi coidadoso. Se te fixas ben na iluminación, procuro que nunca lle incida dun xeito frontal, nunca faría a foto co flash do meu dispositivo móbil. O bo que ten saír a fotografar pola noite é que as lanternas non son ferramentas que che vaian faltar.
A toxicidade de Bufo Bufo
Se te atopases cun destes exemplares non esquezas que cando se sinten atacados segregan unha sustancia cun cheiro moi desagradábel que ademais resulta algo tóxica, así que non te vexas tentado a atrapalo. Por outra banda, o encontro, aínda que casual, non deixa de ter lóxica ao atoparmos tan preto de zonas húmidas, onde as femias poden desovar e logo, cando as crías van medrando, migran cara zonas máis secas onde constrúen o seu agocho.​​​​​​​

Pódeche interesar:

Back to Top