Esas pequeniñas arañiñas que temos no fogar
Os ecóbidos son uns arácnidos moi comúns nas nosas vivendas e sobretodo, moi pequenos. O seu tamaño non evitará os medos daqueles que padecemos esa inexplicábel e ilóxica por seres tan inofensivas, aracnofobia, sendo totalmente inocuas para os seres humanos.
Non teñen un tamaño maior a uns dous milímetros e tecen a súa rede en calquera fenda ou físgoa que poidan atopar na vivenda.
Coma calquera arácnido, fan un gran servizo de control de pragas e témoslles moito que agradecer, así que pensao moi ben antes de rematar cun ser tan pequeniño e que ademais non supón ningunha molestia para o ser humano.
En canto notan a nosa presenza fuxen ao momento e o seu pequeno tamaño as fai moi escorredizas, por iso é que veremos realmente menos das que temos pola casa.
Son moi rápidas camiñando e tamén tecendo unha practicamente invisíbel arañeira para desprazarse e que poderían empregar tamén na súa fuxida.
A sesión fotográfica
O descobremento desta pequechiña na nosa casa foi posíbel grazas ao susto da nosa filla que estaba a estudar cando incomprensibelmente á arañiña ocorréuselle baixar a explorar a peza na que se atopaba.
A nosa filla é a mellor bucina que pode haber para avisar de que algún ser vivo pasea pola vivenda e moitas das fotografías de insectos que fago non serían posíbeis sen ese vixía natural.
Unha vez recollida con moito coidado, non dispuxemos de moito tempo pra montar un set fotográfico pois en dez minutos tiña que saíres pra o traballo.
Usamos dúas pranchas de cartón pruma de cor branca, unha coma fondo e outra de superficie, suxeitas con pinzas para que o "estudio" non se viñera abaixo.
O primeiro que tiña a man era un antigo lente analóxico da marca Zenit, un Helios 44M-6 que coloquei coa axuda dun aro adaptador para lentes de 58mm ao 12-42mm que trae o kit da miña Olympus OM-D E-M10 Mk III.
Colocar este lente fronte a un angular produce un viñeteo bastante acentudado, pero grazas a que o lente kit é do tipo variábel, puiden elexir unha focal máis estándar e usar coma "lupa" o Helios.
A iluminación foi moi sinxela. Primeiro probei cunha lanterna que tiña a man cun faz regulábel, pero vinme co problema de que producía certo escintileo e algunhas partes as deixaba en negro impedíndome ademais subir a velocidade. Este problema é o que se nota tanto nunha das fotografías.
Así que tiven que confiar no estabilizador do corpo da miña pequena Olympus, xa que nin trípode puiden montar e perseguindo coma podía á pequena e veloz arañiña, tratando de asustala e molestala o menos posíbel, puiden obter algunha imaxe de fronte, se callar non coa nitidez que tivera desexado.
Pode que noutra ocasión me colla con máis tempo para gozar da sesión, pero mentres, aquí vos deixo unhas cantas imaxes deste milimétrico ser que cando o ves con certa magnificación chámante moito máis a atención.

Poderíache interesar:

Back to Top