Os anthrenus pertencen á familia dos coleópteros e son coñecidos normalmente coma escarabellos das alfombras.
Son redondos e moi pequenos con tamaños duns dous a tres milímetros e xeralmente o ser humano apenas pode apreciar as súas cores a simple vista asemellándose a pouco máis ca un punto negro.
As súas antenas rematan en forma de bóla, máis grande se son machos e presenta uns debuxos tan chamativos coma atractivos.
Trátase dunha especie moi estendida e pódela atopar repartida practicamente por todo o mundo, pero iso non a converte nalgo a temer pois a maioría delas son totalmente inofensivas. Porén, as que representan algún perigo adoitan ser bastante dañinas, coma é o caso do noso suxeito.
Ademais do nome de escarabello das alfombras tamén se lle coñece por escarabello dos museos.
Este insecto aliméntase doutros pero non cazándoos senón que se comporta coma un carroñeiro.
É por elo que resulta unha plaga que pode causar danos na meirande parte dos museos que gardan coleccións de tipo entomolóxico.
Nos nosos fogares tamén poden producir grandes danos se atopan fibras orgánica que levarse á boca, coma o coiro (que tamén atopará na tapa dalgúns libros), a la e calquera outra prenda confeccionada con tecido orgánico.
A súa reprodución dase unicamente unha vez ao ano, a finais da primavera, pero as postas dunha soa femia poden proporcionar entre vinte e cen ovos polo que non sofren moitos problemas de conservación da especie e de colonización.
Ao non afectarlles moito a humidade relativa, lévase bastante ben cos interiores.
Para a sesión con este exemplar que me atopei buscando alimento nunhas cortinas, comecei expoñendo con luz natural que lle chegaba a contraluz e que eu reflectía cun pequeno espello e rebotaba tamén nun pequeno cartón pruma de cor branca.
Ao non acadar a claridade que desexaba para resaltar as súas cores, decidín continuar co flash.
A todo isto, en todo momento fotografei a man alzada pois colocar un trípode nesa zona non me resultaba moi práctico.
Ao usar tubos de extensión tamén se reduce moito a profundidade de campo e con exemplares vivos e que se poden mover moi rápido, prefiro traballar  a pulso porque iso permíteme reaccionar máis eficazmente á hora de recuperar o enfoque.
Cando xa pasei ao flash, optei primeiro por colocar unha extensión que fabriquei eu mesmo cun tubo de patacas fritidas e unha vez obtido o detalle do insecto o coloquei nunha posición máis nadir para poder captar mellor a textura do terreo e o volume do suxeito.

Pódeche interesar:

Back to Top